Cinco cemiterios galegos, entre os máis distinguidos de Europa

27/05/2019 15:01:07
Cinco cemiterios galegos, entre os máis distinguidos de Europa

A cultura funeraria está cada vez máis de moda debido ó notable incremento de visitantes que se achegan ós camposantos, interesados nos seus monumentos e por atopar o lugar no que foron soterrados os persoeiros ilustres ou destacados de cada pobo, vila ou cidade. Este movemento que rexurde nos últimos anos está centrado arredor da Asociación de Cementerios Significativos de Europa (ASCE, nas súas siglas en inglés), da que forman parte 179 recintos mortuorios de 22 países. España conta con 30 integrados cemiterios integrados neste colectivo e cinco deles están en Galicia: o de San Amaro, en A Coruña; San Froilán, en Lugo; o cemiterio dos Ingleses, en Camariñas; Santa Mariña de Doce, en Cambados, e o de San Francisco en Ourense.

Os cinco reúnen mausoleos e monumentos de gran valor artístico e, ademais, albergan os restos de persoas que en vida foron referentes nas sociedades nas que se desenvolveron. No caso do dos Ingleses, recolle os restos dos 172 falecidos en novembro de 1890 no naufraxio do buque Serpent, de nacionalidade británica, da que derivou o nome. Pero no mesmo lugar, sete anos antes (1883), morreran 38 tripulantes do Iris Hull, vapor inglés que se dirixía á India procedente de Cardiff, despois de que a nave se afundira en Punta Boi tras chocar contra os Baixos de Antón no medio dun forte temporal. Os seus corpos descansaron en terra a poucos metros do naufraxio. A sucesión de traxedias marítimas no entorno valeulle o alcume de Costa da Morte. A peculiar orixe e a privilexiada situación fan que o lugar reciba centos de visitas ó longo do ano.

Outro cemiterio singular é o formado arredor da igrexa gótica de Santa Mariña de Doce, construída no século XV por dona María de Ulloa, señora de Cambados e nai de Alonso III de Fonseca. Fíxose sobre unha edificación románica do século XII da que so quedan restos, pois a mediados do XIX quedou en ruínas e deixou de ser utilizada para o culto. Mantívose o camposanto, que se foi ampliando sucesivamente polo adro, pasando logo á planta da antiga igrexa. Do lugar deixou dito Cunqueiro que era “o máis melancólico camposanto do mundo”.

O de maior tamaño de todos os recintos funerarios galegos integrados en ASCE é o de San Amaro, na Coruña, inaugurado no ano 1813, como consecuencia da prohibición de facer enterramentos nas igrexas e no seu entorno nas áreas urbanas. É un conxunto funerario de gran beleza, tanto polos monumentos que alberga, como pola notoriedade dalgúns dos persoeiros que alí están soterrados. Está dividido en tres zonas: relixiosa, civil e británica, esta última privada.

Desde hai uns anos organiza visitas guiadas as fins de semana, tanto diurnas como nocturnas, e algunhas inclúen a representación de pezas teatrais ou recreacións da cultura funeraria que contan con gran demanda popular. No seu interior destacan dous monumentos colectivos: o adicado ós Mártires da Liberdade e a Columna tronzada da Liberdade, en lembranza da folga xeral de 1901.Entre as personalidades enterradas están Eduardo Pondal, autor de “Os pinos”, elixido como letra do himno galego; Alejandro Pérez Lugín, Manuel Murguía e os seus cinco fillos; Wenceslao Fernández Flórez ou o pintor, debuxante, gravador e escritor Luis Seoane, entre outros moitos.

Por antigüidade séguelle o de San Francisco, o máis vello dos tres da cidade de Ourense, ubicado na ladeira do Montealegre, a carón do convento dos franciscanos. A súa construción iniciouse en 1834, tamén como consecuencia da normativa que impedía soterrar defuntos no entorno das igrexas, aínda que a elección do lugar e a procura dos terreos adiou dúas décadas o comezo dos traballos. Sería inaugurado tres anos máis tarde, en 1837, nunha cerimonia de grande solemnidade. Foi ampliado en 1868, en 1890 e na primeira década do século XX, data desde a que o recinto permanece inalterable.

A súa importancia radica tanto na beleza e monumentalidade das sepulturas, firmadas por escultores tan recoñecidos como Piñeiro, Vítor Macho ou Failde, como da fundición de Manuel Malingre. Todos -agás Macho- foron soterrados alí, compartindo a última morada con outros grandes da literatura, as artes e o pensamento de Galicia. É o caso de Otero Pedrayo, Cuevillas, Lamas Carvajal, Xavier Prado, Marcelo Macías, Blanco Amor ou José Ángel Valente, e os pintores Fernández Mazas, Prego de Oliver, Parada Justel e Jesús Soria.

En 2014, o concello dixitalizou o arquivo de falecidos dende a fundación do recinto ata 1993, cando foi informatizado o servizo de enterramentos. No seu interior descansan os restos de case 35.000 persoas.

Lugo conta tamén con cemiterio emblemático, aínda que o de San Froilán sexa o máis moderno dos cinco recintos galegos incardinados en ASCE, xa que foi inaugurado en 1949, deseñado polo arquitecto Eloi Maquieira. Conta con construción funerarias que foron trasladadas desde o antigo cemiterio municipal da cidade o que lle confire valor histórico e artístico. Conta cun funcionamento moi dinámico e organiza importantes actividades que gozan de gran aceptación. En 2015 recibiu o premio  ó mellor monumento arquitectónico polo panteón neogótico da familia Ventosinos.

No seu seo descansan os restos mortais de personalidades como Ánxel Fole, Luis Pimentel, Uxío Novoneyra ou Gustavo Freire.

Compartir en Facebook
Valoración
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí