Cacharro e Xosé Luis Baltar suman 46 anos como presidentes das deputacións de Lugo e Ourense, máis que os 8 da Coruña e os 8 de Pontevedra

06/06/2019 09:42:37
Cacharro e Xosé Luis Baltar suman 46 anos como presidentes das deputacións de Lugo e Ourense, máis que os 8 da Coruña e os 8 de Pontevedra

Francisco Cacharro Pardo e Xosé Luís Baltar Pumar suman máis anos como presidentes das deputacións de Lugo e Ourense, respectivamente, que os oito primeiros mandatarios que estiveron á fronte das da Coruña ou outros tantos que o fixeron na de Pontevedra desde 1979. O desaparecido político lugués, accedeu á primeira cadeira de brazos do pazo provincial de Lugo nas eleccións municipais de 1983, manténdose ininterrompidamente como presidente ata o ano 2007, cando foi substituído polo socialista Xosé Ramón Gómez Besteiro.

Cacharro, do Partido Popular (primeiro Alianza Popular), fora precedido na primeira corporación democrática (1979-1983) polo ucedista Luís Cordeiro Rodríguez. En 2007, tomou o relevo o daquela secretario xeral dos socialistas galegos, Gómez Besteiro. Permaneceu no posto oito anos, véndose obrigado a dimitir debido a estar investigado por presuntas irregularidades atribuídas á etapa como edil no concello de Lugo.

O terceiro mandatario máis lonxevo á fronte das deputacións galegas foi o socialista coruñés Salvador Fernández Moreda, con 14 anos no cargo, aínda que en dúas etapas: unha primeira entre 1989 e 1985 e unha segunda entre 2003 e 2011. En cuarto lugar está Rafael Louzán Abal, do PPdeG, que foi elixido presidente da Deputación de Pontevedra en 2003 e mantívose ata 2015. Quinto foi Victorino Núñez Rodríguez, primeiro presidente da Deputación de Ourense na etapa democrática baixo as siglas de UCD, no ano 1979,  e que repetiu sucesivamente nos anos 1983 e 1986. Deixou o posto en xaneiro de 1990, xa como presidente de Centristas de Galicia, para ocupar a presidencia do Parlamento galego, con Fraga na presidencia da Xunta.

O sexto posto por antigüidade correspóndelle a Enrique Marfany Oanes, da UCD, que foi presidente desde a primeira corporación democrática en 1979 ata 1987. En sétimo lugar e tamén con 8 anos como presidente da Deputación de Lugo, está o socialista Xosé Ramón López Besteiro, que o foi entre os anos 2007 e 2015; igual que Manuel Abeledo López, do PPdeG, que presidiu a de Pontevedra entre 1995 e 2003.

No noveno lugar está Xosé Manuel Baltar, presidente da institución provincial ourensá, que accedeu ó posto en 2012 despois da dimisión do seu pai e permanece nel na actualidade. César Mera, alcalde da Cañiza, foi presidente en Pontevedra entre 1990 e 1995. Os catorce restantes ata os 24 que ocuparon tal posto nas catro deputacións galegas nos últimos 40 anos, non pasan de catro anos. Así, en A Coruña están Augusto César Lendoiro, Xosé Luís Torres Colomer e Diego Calvo, todos do PP, e presidentes entre os anos 1995-1999, 1999-2003 e 2011-2015, respectivamente. Desde 2015 ocupa o cargo o socialista Valentín González Formoso. O presidente co mandato máis breve en A Coruña foi o popular Xosé Manuel Romay Beccaría, que estivo entre 1987 e 1989.

En Pontevedra, a primeira corporación democrática entre 1979 e 1983 presidiuna Federico Cifuentes Pérez, da UCD. Sucedeulle Mariano Rajoy Brey (AP), de 1983 a 1986 e a este, Fernando García del Valle, tamén de AP. De 1987 a 1990 estivo Xosé Cuiña Crespo, alcalde de Lalín e que abandonou para incorporarse como conselleiro de Política Territorial ó primeiro goberno de Manuel Fraga na Xunta. Desde 2015 é presidenta Carmela Silva Rego, do PSdeG.

A presidencia máis breve foi a desempeñada pola luguesa Elena Candia, alcaldesa de Mondoñedo, que asumiu o cargo en xuño de 2015 e estivo ata outubro do mesmo ano, cando foi substituída por Darío Campos despois dunha moción de censura.

Os catro presidentes en función nas catro deputacións galegas optan a ser reelixidos, pero todos precisan acordos con outras forzas, xa que en ningunha das provincias se acadou unha maioría absoluta que garanta gobernar en solitario.

Compartir en Facebook
Valoración
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí