As últimas xeadas en Galicia equiparan os valores térmicos cos do norte de Europa

09/01/2019 14:07:29
As últimas xeadas en Galicia equiparan os valores térmicos cos do norte de Europa

A vaga de frío máis importante do século na Comunidade Autónoma tivo lugar en decembro de 2001, con temperaturas de -4,7ºC en Alvedro e -8,6ºC no centro de Ourense

A Comunidade Autónoma galega está vivindo unha vaga de frío e xeadas que fixeron baixar  as temperaturas en todo o territorio, con valores por enriba dos -5ºC nos puntos altos e nos tradicionalmente máis fríos, como o sur da provincia de Lugo e o leste e sur de Ourense, onde marcaron as máximas as estacións de Calvos de Randín, na fronteira con Portugal, superando os -9ºC nos últimos cinco días, valores seguidos de cerca por Verín, no val de Monterrei, ou Xinzo, na comarca da Limia.

Segundo os expertos, no transcurso deste período estanse dando dúas curiosidades, como a total ausencia de neve nos puntos habituais por estas épocas debido á falla de chuvia durante as últimas semanas que, por exemplo, impediron a apertura da temporada na estación de montaña de Manzaneda, ante a imposibilidade de esquiar, ó igual que ocorre en boa parte das estacións de esquí do resto de España.

A segunda novidade é o cambio nos valores termométricos habituais, rexistrándose temperaturas máis severas en puntos baixos ou de altura media que nas montañas, como foi común historicamente. Os rexistros mínimos da última semana nas zonas máis frías de Galicia – o centro e o sur de Lugo e boa parte da provincia de Ourense- estanse dando en áreas baixas ou de altitude media (A Limia ou a fronteira con Portugal non superan os 500 metros de altitude), superando ás zonas máis altas (Pena Trevinca e Manzaneda, os enclaves máis altos de Galicia, xunto con áreas do  Macizo Central, O Courel, Os Ancares ou as zonas elevadas da Ribeira Sacra, superan amplamente os 1.000 metros de altitude nos dous primeiros casos, ou andan sobre eles no resto).

Os meteorólogos explican este fenómeno nunha acentuación da inversión térmica, que destacaban nalgúns foros os automobilistas que circulaban a primeiras horas da noite pola  A-52 o pasado día 8 e comprobaban que os termómetros dos seus vehículos marcaban 0ºC á altura de Ribadavia e 6ºC na Cañiza, que está moito máis alta que a capital do Ribeiro. Os expertos aínda fan notar outra anécdota singular que se está dando nas últimas datas, onde moitas cidades dos países nórdicos están con temperaturas máis benignas que as de Galicia (a capital de Finlandia, Helsinqui, anda con mínimas de -5ºC, afastadas do habitual nesta época do ano), fronte ás históricas capas de xeo e neve que adoitan poboar a paisaxe nesas latitudes ó longo do frío inverno setentrional.

As previsións apuntan que o peor aínda está por chegar nos próximos días debido a unha ola de aire polar que camiña cara o sur, que agudizará o descenso das temperaturas que se percibirá sobre todo nas máximas. A ola de frío afectará a todo o territorio estatal e agárdase que traia neve a partires dos 400 ou 500 metros no leste do país e na zona centro, en tanto que en Galicia estímase que seguirá o tempo seco.
A pesares da frialdade, os valores termométricos rexistrados están dentro da normalidade, segundo os meteorólogos, lembrando que o 19 de xaneiro de 2017, rexistráronse unhas mínimas de -14,4ºC en Calvos de Randín, -12,4ºC en Baltar, -11ºC en Verín, -9,3ºC en Pedrafita, -8,7ºC en Sarria, -8,8ºC en Lalín ou -4ºC en Arzúa, considerándose que son as temperaturas máis frías dende a ola de frío de 2001.

Precisamente o mes de decembro de 2001 sitúase como o máis xélido do vai de século e un dos máis destacados nos últimos cincuenta anos. As xeadas chegaron ó nivel do mar e houbo unha persistencia moi notable na segunda quincena do mes, como o revela o feito de que A Coruña rexistrara -4,7ºC en Alvedro durante a Noiteboa ou o centro de Ourense marcara -8,6ºC na estación meteorolóxica instalada no Instituto Otero Pedrayo. Claro que non foi moito comparado cos -19 de Teruel un día despois. En boa parte do rural galego do interior rebentaron billas, contadores e conducións de auga debido ó efecto da conxelación, provocando desabastecemento de contadores nos establecementos especializados.

Segundo as estatísticas da Axencia Española de Meteoroloxía (Aemet), en series meteorolóxicas máis longas, aparecen destacadas as datas situadas arredor do Nadal de 1970-71, que afectaron á práctica totalidade da península Ibérica, xunto cas de 1962 e 1963. Pero a marca máis destacada correspóndelle sen ningún xénero de dúbida á ola de frío de febreiro de 1956, excepcional pola súa intensidade e tamén pola prolongada duración pois mantívose todo o mes con tres ouleadas ou picos. Nese período no territorio peninsular so se salvaron da xeada en Málaga (mínima de 1ºC), Almería (1,2ºC). Ceuta e Melilla rexistraron, pola súa banda unha mínima de 2ºC.

Os tres puntos álxidos tiveron lugar entre os días 1 e 5, nos que houbo valores extremos xeneralizados, destacando os -17ºC de máxima e -21ºC de mínima en Canfranc, nos Pirineos, xunto cos -7,2ºC de Valencia. O segundo pico produciuse entre os días 10 e o 14, con -2,4º na cidade de A Coruña, mentres Santander rexistrou nevaradas durante 11 días ó longo do mes. A terceira fase desenvolveuse entre o 17 e o 22. En Reinosa marcaron os termómetros unha mínima de -16ºC, con 1,5 metros de neve (19 días de nevaradas no mes). En Burgos,  -17ºC, caendo neve en 17 días. Tamén Astorga chegou ós -17ºC.
Foi, o de 1956, o inverno máis frío da historia de España dende que existen rexistros, so comparable co mes de xaneiro de 1914.

Compartir en Facebook
Valoración
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí