As mulleres peregrinas están a punto de igualar ó número de homes que fan o Camiño de Santiago

21/08/2017 15:03:06
As mulleres peregrinas están a punto de igualar ó número de homes que fan o Camiño de Santiago

No mes de xullo pasado frisaron o 50%, con só 292 camiñantes menos, mentres que haiunha década representaban só o 44%

As mulleres están adiantando postos nas estatísticas dos peregrinos a Santiago, xa que segundo os datos oficiais, estarían frisando o 50% do total de camiñantes que se achegaron a Compostela por algunha das rutas recoñecidas, a pé, bicicleta, a cabalo ou en cadeira de rodas. O número total de peregrinos rexistrados o último mes de xullo foi de 47.470 persoas, das cales 23.588 foron mulleres (49,69%) e 23.882, homes (50,31%)


A progresión feminina é constante nos últimos anos, como revelan os datos do ano 2017, cando as mulleres supoñían o 43,94% do total, case cinco puntos menos que unha década despois. O acercamento das proporcións entre homes e mulleres non se debe a que diminúa o número de homes que fan o camiño de Santiago, senón que se produce por adición, xa que o número de peregrinos aumentou nese período arredor dun 130%.


Tamén os estranxeiros están gañando posicións, xa que hai unha década representaban algo menos do 40% (39,6%) e hoxe están catro puntos por enriba, mentres que en 2004 eran apenas o 19,19% fronte ao 80,81% de españois. No que atinxe ás idades, a fracción comprendida entre os 30 e os 60 anos imponse con claridade, xa que o 49,18% dos peregrinos chegados a Santiago o pasado mes de xullo están nesa franxa; seguidos dos menores de 30 anos que representan o 40,43%, mentres que os maiores de 60 anos suman o 10,40%.


No que se refire á motivación que impulsa ós peregrinos a facer o camiño de Santiago, a maioritaria é a debida á convicción relixiosa, expresada polo 50,10% dos que completan a ruta xacobea. No ano 2004, esta opción era a manifestada por tres de cada catro peregrinos (case o 75%); séguelle os que aducen sentimentos relixioso-culturais, que representan o 40,92%, cando hai trece anos eran apenas o 20%. Os que fan o Camiño impulsados só por motivos culturais son a opción minoritaria, que se achega ata o 8,98%, tres puntos por enriba do que reflexaban as estatísticas en 2004.


Polo que se refire ós peregrinos españois, resulta curioso que os  colectivos mais numerosos son os que proceden –con Madrid- das comunidades máis alonxadas de Galicia. En primeiro lugar aparecen os que chegan de Andalucía, que son case un de cada catro; séguenlle os de Madrid, co 18,71%; Comunidade Valenciana, co  9,81%, e Cataluña, co 8,29%. Por detrás aparecen Castela-A Mancha e Castela-León, co 6,16% e 5,49%, respectivamente; con cifras máis modestas aínda están Extremadura e País Vasco, co 4,97% e 4,59% en cada un dos devanditos territorios.


En canto ós estranxeiros tamén resulta chamativo que a aportación de países como Italia, Estados Unidos e Alemaña, co 18,24%, 12,27%  e 10,63%, respectivamente, estea situada por enriba do veciño Portugal, que se sitúa en cuarto lugar polo número de peregrinos que chegan a Compostela procedentes dese país e que supoñen o 7,38% do total. Con números máis modestos aparecen Francia, Polonia, Reino Unido e Irlanda, nesas mesmas posición por orde de importancia.

 

Pé de foto: Peregrinos gaditanos pola Vía da Plata despois de sellar as sús cedenciais na Confederación de Empresarios de Ourense

Compartir en Facebook
Valoración
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí