Aínda que chova, vota. 35 anos do Estatuto

02/01/2017 12:33:13
Aínda que chova, vota. 35 anos do Estatuto

O estatuto aprobado recoñecía Galicia como comunidade autónoma histórica, xunto co País Vasco e Cataluña, que eran as que xa tiveran texto estatutario aprobado durante a República

O día 21 de decembro fixo 35 anos do referendo para a aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia. Era domingo, véspera do tradicional sorteo da lotería de Nadal na semana que daba entrada ás datas máis entrañables do ano. A elaboración do Estatuto fora un parto longo e complexo, que tivera os seus primeiros precedentes nos tempos da Segunda República, aprobándose nas Cortes poucos días antes da sublevación do 18 de xullo de 1936 que deu lugar á Guerra Civil. Deste xeito, quedou sepultado coa legalidade constitucional vixente naquel momento durante 40 anos. Despois de que a Constitución do 1978 consagrara o Estado de Autonomía, a histórica cita suscitou escaso entusiasmo entre o electorado galego.

Daquela, o instrumento institucional básico para o Goberno de Galicia recibiu o apoio explícito de 450.556 cidadáns, que significaban o 20,75% por cento do censo, en tanto que a participación no referendo foi do 28,27% das persoas que tiñan dereito a voto (2.172.898). Das 614.218 persoas que acudiron ás urnas, 121.448 votaron en contra, o que significa a nada desdeñable porcentaxe do 19,77%; houbo 28.381 papeletas en branco e 13.833 nulas.

O estatuto aprobado recoñecía Galicia como comunidade autónoma histórica, xunto co País Vasco e Cataluña, que eran as que xa tiveran texto estatutario aprobado durante a República. Entre outros dereitos, consagra o coñecemento do galego como lingua propia de Galicia en pé de igualdade do castelán, que será lingua cooficial; os símbolos propios do país, como a bandeira e o escudo; a división e organización administrativa do territorio en provincias, comarcas e parroquias rurais; facenda e patrimonio propios, así como o recoñecemento das comunidades galegas no estranxeiro. A estes dereitos engadiríanse as competencias propias da Administración Central susceptibles de ser traspasadas, de acordo coa Constitución e as leis de solidariedade entre as comunidades que conforman España, segundo a Carta Magna.

O Estatuto foi asinado polo rei Xoán Carlos o 6 de abril de 1981 e polo presidente do Goberno, o tamén galego Leopoldo Calvo-Sotelo Bustelo. Pero para chegar ata aquí, a traxectoria da elaboración do Estatuto tivo un longo, intenso e sinuoso percorrido, que partiu da denominada Comisión dos 16 elixida pola Asemblea de Parlamentarios galegos constituída o 25 de xullo de 1979, que de acordo co artigo 151 da Constitución era quen estaba facultada para elaborar e aprobar o proxecto da autonomía. A devandita comisión, integrada por 16 comisionados de partidos con  representación parlamentaria ou sen ela (8 dos seus membros pertencían á UCD, 2 ao PSOE, 2 a AP, 1 ao PCG, 1 ao POG, 1 ao PG e o restante ao PTG. O texto que elaboraron foi coñecido como o Estatuto dos 16 e recibiu o rexeitamento frontal dos nacionalistas e da esquerda, ao consideralo pouco ambicioso e de segundo nivel en relación cos de Cataluña e País Vasco. O desacordo deu lugar á convocatoria de manifestacións nas principais cidades galegas para o día 4 de decembro de 1979, que resultarían multitudinarias na demanda de maiores niveis de competencias.

A protesta tivo efecto e o Goberno de Suárez admitiu o erro, abríndose unha nova negociación que deu como froito un texto renovado con maiores competencias, que foi o sometido á aprobación parlamentaria e logo a referendo.

Porén, a pesar do fervor autonomista nas manifestacións para reclamar máis autogoberno, o o sentir popular xeral distaba do entusiasmo. Por elo, as autoridades e forzas políticas que apoiaron o Estatuto fixeron todos os esforzos para tratar de mobilizar á poboación. Tendo en conta a data en que se celebraba, xusto o día que empezaba o inverno, que en Galicia é a época de mais frío e con alto risco de choiva e incluso neve nas montañas, un dos lemas deseñados polos responsables da convocatoria, ía contra todos os inconvenientes: “Aínda que chova, vota”.

Había un sector da esquerda nacionalista que se opuña decididamente ao Estatuto e outro que, sen ter unha postura tan contundente, agardaba pouco da súa aplicación práctica. Entre estes últimos figuraba un grupo de universitarios que mobilizaron os seus mellores debuxantes para facer a súa propia campaña, consistente en pór debaixo dalgunhos carteis co lema “Aínda que chova, vota” estratexicamente situados, un “contralema” que dicía: “Aínda que votes, vai seguir chovendo”.

Efectivamente, unha vez aprobado o Estatuto, en Galicia seguiu chovendo, aínda que cada vez menos, segundo as estatísticas; pero os deseñadores daquela “contraconsigna” tornáronse co tempo en activos militantes na política autonómica e mesmo chegaron a desempeñar cargos de responsabilidade nas institucións.

Compartir en Facebook
Valoración
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí