A xeada, a seca e o lume reducen a colleita de castaña a metade dun ano normal

03/11/2017 13:33:39
A xeada, a seca e o lume reducen a colleita de castaña a metade dun ano normal

As primeiras estimacións apuntan a que se recollerán nos soutos galegos uns 10 millóns de kilos

A castaña é un dos produtos en alza no panorama agro forestal de Galicia que, ademais conta cunhas importantes posibilidades para progresar, xa que son de alta calidade e están gañando postos nos mercados internacionais. Pero aínda queda moito camiño por recorrer, aínda que a colleita da presente campaña non invite a o optimismo, xa que os expertos empezan a aventurar que non pasará dos dez millóns de kilos dentro da Comunidade Autónoma, o que ven sendo a metade dun ano normal, que ronda os 20 millóns de kilos e mais de 35 millóns de euros de ingresos para os produtores dun sector que acada unha facturación duns 100 millóns contando coa industria transformadora. Hai quen incluso considera moi optimistas estes cálculos e non dubidan en apuntar que será a peor colleita en varias décadas.


A culpa da pobre colleita deste ano reside fundamentalmente nos danos causados pola xeada as noites do 27 e 28 de abril pasados, agravados logo pola ausencia de chuvias ó longo do ano, que fixeron que o solo estea moi seco e as árbores non teñan capacidade para dar froito de bo tamaño e calidade. A elo hai que engadir o efecto da piratería, que fai desaparecer milleiros de kilos dos soutos. Na provincia de Ourense detéctanse grupos e mesmo bandas organizadas que recorren con furgonetas as zonas de maior produción, afastadas dos núcleos de poboación, e deixan os soutos sen unha castaña. A maior incidencia dos ladróns prodúcese ó longo da semana, posto que durante sábados domingos e festivos hai máis concentración de propietarios e fai máis difícil que se poida roubar sen  que os autores sexan descubertos.


A actividade da avispilla do castaño tamén contribuiu a minguar as colleitas, xa que este insecto estase amosando especialmente activo nos últimos tempos. E, por último, os incendios forestais da presente campaña e que tiveron a súa máis triste expresión nos mediados de outubro supuxeron o último golpe para a castaña e para moitos castaños que resultaron calcinados ou gravemente danados de xeito que se non chove pronto, de xeito prolongado e con mesura, irán morrendo nos próximos meses.


O lume afectou a zonas de importante produción de castaña, como as da zona oriental da provincia de Ourense, que recolle o 60% do froito dos soutos galegos, dende a zona de O Bolo ata á fronteira con Portugal entre A Gudiña e A Mezquita, en tanto que nas últimas semanas foi a Ribeira Sacra a que se viu atacada de xeito masivo polo lume que se estendeu descontrolado polo sur de Galicia.Tamén Os Ancares sufriron graves danos no sector forestal, por culpa dos lumes que coincidiron ca vaga declarada na metade de outubro.

Compartir en Facebook
Valoración
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí