A pesares da crise demográfica as Universidades galegas collen pulo dende hai tres anos

03/05/2017 15:12:19
A pesares da crise demográfica as Universidades galegas collen pulo dende hai tres anos

A principios de século había máis de 100.000 matrículas universitarias e hoxe non chegan a 76.000


En 2014, o número de estudantes universitarios en Galicia caeu ata preto dos 60.000

A matrícula nas universidades galegas está collendo pulo nos últimos tres anos, xa que de algo mais de 60.000 alumnos que había en 2014 nas tres universidades galegas, pasouse a superar lixeiramente os 76.000 no curso actual. De todos os xeitos, as cifras quedan lonxanas das épocas douradas que viviu a universidade galega coincidindo co cambio de século. No ano 2000, o número de estudantes matriculados nos sete campus galegos pasaba dos 100.000.


Dende a segregación das Universidades de A Coruña e Vigo, a Universidade de Santiago segue sendo a que acolle o maior número de alumnos, cifrados no presente curso en 29.531, lonxe dos 42.000 que chegou a ter en 1996, pero tamén dos 26.000 que rexistrou en 2014. O campus de Ferrol marcou o seu teito en 1998, con 4.432 estudantes, mentres que hoxe chega os 3.000, mentres que o seu chan situouse en 2.545 alumnos no curso de 2014. Lugo, que rozou os 10.000 no ano 2000, conta hoxe con 4.800 estudantes.


A Universidade de Vigo viviu o momento de maior esplendor nas matrículas no ano 1999, con 30.890 matriculados, para situarse nos 14.000 hai tres anos, mentres que hoxe conta con 21.766 alumnos, dos cales 3.996 están matriculados en Pontevedra; 4.602 en Ourense e 12.434 en Vigo.


No que atinxe á Universidade de A Coruña, marcou o seu fito de matrículas tamén coincidindo co final do século XX, acadando as 26.000 matrículas, das cales perdeu oito mil en apenas tres lustros. Agora mesmo conta con 23.593 matrículas, das cales case 20.000 pertencen ao campus coruñés.


Pero a evolución do número de estudantes universitarios en Galicia non foi uniforme ao longo da su historia, iniciada a finais do século XV e principios do XVI. Por citar só o exemplo da evolución entre 1900 e 1960, digamos que a principio do século XX había 1.565 estudantes universitarios en Galicia (Santiago), en tanto que en 1910 había 1.053, cunha reducción de case o cincuenta por cento do censo; en 1920, lixeirísimo repunte, con 1.097 matrículas, que pasaron a ser 2.103 en 1931 e 2.183 cando estalou a guerra civil, en tanto que en 1945 empezaron o curso 2.764 alumnos; en 1955, foron 3.146 e en 1960 eran 3.250. Segundo os datos oficiais, en 60 anos pasaron dos 1.565 aos 3.250 de 1961.


Con todo, no contexto xeral as cifras non eran tan malas como poidera pensarse, xa que no ano 1900, a de Santiago era a terceira universidade con máis alumnado de España, con 1.565 estudantes sobre un total de 16.273 no conxunto do Estado.  O gran salto no acceso á universidade por parte dos estudantes galegos deuse na década dos sesenta, pasando de algo máis de tres mil alumnos ata os case 100.000 de finais do século XX.


En canto á oferta, Santiago ofrece 49 graos, 39 postgraos e 28 doctorados. A Universidade de Vigo, pola súa parte conta con 46 graos, 107 postgraos e 54 doctorados, mentres que a Universidade de A Coruña conta con 42 graos, 86 postgraos e 15 doctorados.


Se analizamos as ratios de profesores polo número de alumnos, aínda que as tres universidades galegas están igualadas, a mellor credencial preséntaa Santiago, con 1.440 profesores (dos cales 1.110 son doctores), o que da unha media de 14,1 alumnos por profesor. Vigo ten 1.440 profesores, dos cales 1.110 son doctores, e un ratio de 15,1 alumnos por profesor. Por último, A Coruña ten 1.516 profesores (1.259 doctores), o que significa 15,6 alumnos por profesor.

Compartir en Facebook
Valoración
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí