A Míllara, o revivir dun pobo fantasma

27/12/2017 15:00:00
A Míllara, o revivir dun pobo fantasma

A Míllara é un pobo do concello lugués de Pantón ao que a emigración e o falecemento dos últimos veciños, converteu nun lugar fantasmal hai algo máis de medio século. Sen habitantes e sen quen traballara as súas terras, a frouma foise invadindo das espléndidas terras e as casas logo foron acusando o paso do tempo e a falla de coidados.


Así ocorreu ata que tres décadas despois, un empresario coruñés sentiuse engaiolado pola paraxe, tanto que o levou a comezar unha peregrinaxe por medio mundo para dar con todos os propietarios para adquirir todas as terras. Tres anos despois, Fernando de Santiago acadou o seu obxectivo, despois de viaxar ata a Arxentina, Barcelona, Zaragoza, Ourense, e outros moitos sitios mais para dar cos donos das terras de A Míllara.


A partires de 1999 abordou a rehabilitación integral ó tempo que puxo en marcha unha adega co mesmo nome do pobo. A empresa xestora impúxose elaborar viños de calidade amparado pola Denominación de Orixe da Ribeira Sacra. Os bos resultados, animaron a ampliar a plantación e seguir traballando na adega para mellorar os caldos. Empezou sacando ó mercado unha marca co nome de Finca Míllara, que contiña un viño de gran calidade segundo os expertos, así como unha segunda marca máis alcanzable para todos os petos. A evolución levou a crear outras dúas marcas de tinto, Lagariza e Beterna, que contan con gran aceptación no mercado. Recentemente, acaban de incorporar unha nova marca, máis moderna, baixo o nome de Ribera de los Naranjos, todo elo da man de Raúl Pérez, un dos mais afamados enólogos do mundo.


A plantación de cepas viuse acompañada con outra de olivos da clase arbequina, para facer aceite pero cunha produción limitada, na que figuran plantas traídas dende distintos lugares, como Huelva.


A partires de aí comezou a rehabilitación das vivendas, nas que se respectou a arquitectura orixinal, pero dotándoas dos últimos avances técnicos, combinando así a tradición coa modernidade. Progresivamente foron vendidas a coñecidos empresarios, de xeito que de aldea fantasma pasou a ser reduto exclusivo para o lecer de xente con posibles, que conta ata cun embarcadoiro privado no embalse. A recuperación do entorno traduciuse nunha paisaxe e unhas vistas espectaculares; un agasallo para a vista, pero só para ir e voltar, sen posibilidades de quedarse, nin de comer ou beber, se non é contando ca hospitalidade de alguén dos donos do remozado poboado ou pasear cara arriba ou abaixo nos reducidos límites urbanos.


Tamén hai a posibilidade de comprar viño, que é unha forma de non vir de baleiro e de dar testemuña de que un pasou por un lugar paradisíaco, deses que a historia do rural galego tería condenados a unha morte segura, pero que a intervención dun home enfeitizado polo sitio, converteu agora en escaparate de futuro.

Compartir en Facebook
Valoración
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí