A irregularidade atmosférica ameaza por segundo ano consecutivo a colleita de mel galego

03/05/2018 13:37:52
A irregularidade atmosférica ameaza por segundo ano consecutivo a colleita de mel galego

O frío e a chuvia atrasan e reducen a floración e as posibilidades de recollida de pole

As irregularidades atmosféricas durante o final do inverno e o principio da primavera están poñendo en risco a próxima colleita de mel en Galicia, posibilidade que, se se confirma, resultaría catastrófica para a apicultura galega, segundo os produtores, pois sumaríase á tamén deficitaria do ano pasado. A campaña do 2017 viuse moi afectada pola forte seca que sufriu todo o país dende os meses de inverno, as altas temperaturas de marzo e abril e as xeadas que se rexistraron nos últimos días dese mesmo mes, que acabaron coa flor que quedaba no monte e nas terras de labor.

O último gran golpe para a cabana apícola galega produciuse como consecuencia dos incendios forestais, que queimaron directamente moitas colmeas e mesmo apiarios enteiros. Tamén  provocaron importantes danos noutras que non pereceron carbonizadas baixo as lapas pero sucumbiron en datas posteriores debido ás altas temperaturas sufridas nos casos de maior proximidade ao lume.  A imposibilidade de pousarse nos arredores polo calor da terra que se mantivo durante días e a vexetación queimada, imposibilitaron  o normal desenvolvemento da vida das abellas fóra das colmeas. Todo elo provocou que a colleita se vise reducida practicamente á metade, aínda que nalgunhas zonas da Galicia interior, como o sur de Lugo ou o entorno do Macizo Central ourensán, as de maior produción da comunidade autónoma, a perda acadou ata o 70 ou o 80 por cento dunha campaña normal.

As perspectivas para este ano son aceptables na faixa costeira que se alimenta basicamente do eucalipto, pero moi pesimistas no interior do territorio, que é onde se recolle a maior parte da produción. Os apicultores basean os seus cálculos no feito de que pola dureza do tempo o ano pasado os colmeares quedaron moi minguados pola acción da seca e o lume, mentres que entre as sobreviventes había outras moi debilitadas e con déficit de reservas alimentarias para afrontar o inverno. A esa delicada situación sumouse a intensa chuvia e o frío de finais do inverno e principios da primavera, que atrasaron a floración da mimosa, a uz, o toxo e a silva, xunto coa das plantas mais adiantadas que, ademais se viu acurtada polos efectos da auga, provocando a morte de fame nas colmeas que non foron alimentadas manualmente polos propietarios.

Cando os apiarios recuperen a forza para funcionar a bo nivel, deberán redobrar esforzos para poder obter alimento, desprazándose a distancias máis longas co que se reduce o rendemento. Se as temperaturas se recuperaran a partir de agora e se mantivesen en condicións óptimas a última esperanza sería a candea do castiñeiro, que permitiría atenuar a catástrofe nas zonas onde abonden os soutos.


Ás dificultades xeradas pola irregularidade dos fenómenos atmosféricos hai que engadir os danos provocados pola vespa velutina, que pode provocar a depredación de 500 abellas obreiras colectoras nun día. Tal agresividade e o feito de que se queden inmóbiles suspendidas no aire nas inmediacións das colmeas produce medo nas comunidades apícolas co cal as abellas non saen na procura de alimento, deixando de xerar mel e de procurar reservas para pasar o período invernal.


Incremento de produción


A produción de mel en Galicia está en constante progresión nos últimos anos, debido a que se trata dun produto de alta calidade e que xera beneficios para os produtores, afeccionados na súa inmensa maioría. En 2008, nos inicios da crise económica, había na comunidade galega 3.437 explotacións apícolas con 91.000 colmeas. En 2017, o número de explotacións subiu a 3.915, en tanto que o de colmeas disparouse ata 157.00 (70.000 na provincia de Ourense), o que significa un incremento do 71%. Nun ano normal, a produción de mel galego situaríase por enriba das 2.000 toneladas.

Hai 10 anos a media de colmeas por explotación era de 26, mentres que hoxe supera as 40. No ano 2010, había 63 apicultores galegos con mais de 150 colmeas cada un, mentres que na actualidade son 140 os que superan esa cantidade, cun incremento do 120%.

Compartir en Facebook
Valoración
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí