A galega Rita Fernández Queimadelos foi a primeira arquitecta en exercer a profesión por libre en España

18/04/2017 15:16:36
A galega Rita Fernández Queimadelos foi a primeira arquitecta en exercer a profesión por libre en España

Naceu en 1911 en A Cañiza, criouse en Ourense e fixo a carreira en Madrid, onde empezou traballar, seguindo logo en Murcia e Barcelona


Un estudo da Universidade de A Coruña dirixidopola doctora María Carreiro, rescatou a traxectoria das nove arquitectas consideradas mais relevantes en Galicia

A galega Rita Fernández Queimadelos, orixinaria de A Cañiza, foi a primeira muller galega en estudar a carreira de arquitectura e tamén a primeira en exercer a profesión de forma libre e autónoma, sen depender de ningún estudo dirixido por colegas varóns. Un estudo da Universidade de A Coruña elaborado polos arquitectos investigadores Cándido López, Xosé Lois Martínez, Inés Pernas, Eduardo Caridad, Paula Fernández-Gago e Mónica Mesejo, e dirixido pola tamén arquitecta María Carreiro Otero, rescatou a traxectoria profesional de nove arquitectas pola súa influencia na profesión en Galicia e polo seu papel de pioneiras nunha profesión ata hai poucos anos eminentemente masculina.


O traballo identifica con ela a outras oito profesionais de distintas épocas, consideradas rompedoras nunha actividade renuente a aceptar ás mulleres. Ademáis de Rita Fernández, os investigadores apuntan a Elena Arregui Cruz-López, Milagros Rey Hombre, Pascuala Campos de Michelena, María Xesús Blanco Piñeiro, Myriam GoluboffScheps, Julia Fernández de Caleya Blankemeyer, Pilar Rojo Noguera e Teresa Táboas Veleiro.


Das nove, tres naceron en Galicia, Fernández Queimadelos, Blanco Piñeiro e Pilar Rojo; dúas son galegas, aínda que nacidas fóra de Galicia por razón coiunturais, Milagros Rey e Teresa Táboas; e as outras catro considéranse galegas por ter establecida a súa residencia permanente en Galicia, Elena Arregui, Pascuala Campos, Myriam Goluboff e Xulia Fernández.
Aínda que naceu en A Cañiza, Rita Fernández Queimadelos criouse en Ourense, onde os seus pais Domingo e Modesta eran comerciantes e propietarios da mercería La Modernista, polo que foi nesta cidade onde pasou a infancia nunha época de gran brillo intelectual, grazas ó impulso aportado, básicamente, por Otero, Risco e Cuevillas, xunto con Blanco Amor ou Xaquín Lorenzo. Nos veráns voltaba á aldea natal.


Interesouse pola arquitectura seguramente por influencia do seu avó materno, agrimensor na Cañiza.  O seu pai, non obstante, non vía ben esta inclinación ao considerar que se trataba dunha ocupación impropia dunha muller, e non lle gustaba que tivese que deixar a casa para estudar, pois por entón só había en España dúas escolas de arquitectura, en Barcelona e en Madrid. Co apoio e influencia das dúas avoas (especialmente a materna) conseguiu que o pai accedese. O estatus económico da familia axudou a que Rita puidese cursar  arquitectura. En 1928 foi vivir coa avoa materna a Santiago de Compostela, onde realizou os cursos preparatorios de Ciencias Químicas durante dous anos para poder acceder aos estudos de arquitectura. Cursou tamén Debuxo na Escola Elemental de Artes e Oficios da vila (a actual Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo). En outubro de 1930 instalouse en Madrid, na Residencia de Señoritas, co fin de preparar o acceso á Escola de Arquitectura.


Ingresou en 1932, coincidindo coa primeira xeración de arquitectas españolas: Matilde Ucelay, que en 1936 converteuse na primeira arquitecta titulada en España, María Cristina Gonzalo Pintor, que acadou o título na mesma época ca Rita e Lali Urcola, quen non chegou a rematar a carreira.


Queimadelos casouse con Vicente Irenzo, decisión que influirá na súa carreira, pois traslada a sua residencia a Murcia cando o seu home gaña a cátedra. Ata a década dos sesenta do século XX ningunha outra muller nada ou vencellada a Galicia se incorporará á profesión. Nos inicios desa época, Milagros Rey regresa a A Coruña e Elena Arregui aséntase en Santiago. Síguenlle Pascuala Campos en Pontevedra e María Xesús Blanco Piñeiro en Ourense, onde casaría co pintor Xaime Quessada. A arxentina de nacemento e formación, Myriam GoluboffScheps, incorpórase como docente da área de Proxectos Arquitectónicos á Escola de Arquitectura, sendo a primeira profesora arquitecta. Dous anos máis tarde, Julia Fernández comeza a impartir a asignatura de Xardinería e Paisaxe, da área de Urbanística e Ordenación do Territorio, no mesmo centro. A mediados dos oitenta, Pascuala Campos intégrase na Área de Proxectos Arquitectónicos, sendo en 1995 a primeira catedrática de Proxectos Arquitectónicos das Escolas de Arquitectura españolas. Na primeira década do século XXI, Pilar Rojo e Teresa Táboas visibilízanse a través da súa participación política na primeira línea.


O traballo, dirixido por María Carreiro, conclúe que no entorno profesional existe pouca información sobre as arquitectas que configuran as etapas que identifican como o antecedente e o inicio. A arquitecta antecedente “é unha descoñecida para as demáis, as do inicio se recoñecen débilmente nalgunha noticia de prensa, nalgunha homenaxe esporádica… e as de continuidade vanse difuminando co paso do tempo”.


Tamén constata “a pouca relación persoal e profesional entre as arquitectas” dos primeiros tempos. “Eran poucas e entre elas non existía relación de grupo ou colectivo”. Das nove incluidas no estudo, cinco casáronse con arquitectos, unha permaneceu solteira e as tres restantes tiveron parellas alleas á profesión. Todas proceden de familias de clase acomodada e ilustrada, con estudos universitarios, agás algunha excepción.


A finais dos anos oitenta, o número de arquitectas colexiadas aproximábase ó centenar, mentres que hoxe aproxímanse ó millar, segundo recolle o traballo sobre as mulleres adicadas á arquitectura.

Compartir en Facebook
Valoración
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí