A falta de choiva acende as alarmas pola diminución da auga embalsada en Galicia

07/07/2017 14:58:48

A cantidade almacenada ascende a 1.989 hectómetros cúbicos, un 61% da capacidade total, 20 puntos menos que o ano pasado na mesma data

Galicia ve con preocupación como cada día merma a auga embalsada, anormalmente baixa en comparación con outros anos, como demostra o Pradera,  colocando en risco o abastecemento domiciliario a moitas poboacións, que xa sufren recortes debido á falla de choiva. Os últimos datos rexistrados reflicten que as existencias do líquido elemento ascenden a 1.989 hectómetros cúbicos, un 62 por cento da capacidade total das presas galegas, o que significa 20 puntos por baixo das rexistradas o ano pasado polas mesmas datas, e máis de once puntos por baixo da media ponderada da última década en idéntica data. No resto de España tamén pintan bastos, pois os embalses atópanse nestes momentos ó 47,93%, dez puntos por enriba da media galega e dezaseis menos que doce meses atrás.


Por provincias, a mais seca é Ourense, que dispón a estas alturas de 910 hectómetros cúbicos de auga almacenada, o que significa un 57% da capacidade total e despois de perder 17 hectómetros na última semana, que a sitúan con máis de 22 puntos por baixo con respecto á mesma data do ano anterior. En segundo lugar está Pontevedra, con 66,12 metros cúbicos de auga embalsada, 18 puntos menos que hai un ano; en terceiro, Lugo, cunhas reservas de 66,12 metros cúbicos. Os mellores rexistros apórtaos A Coruña, co 68,59% de auga almacenada, once puntos menos que hai doce meses.


Especialmente preocupante é a evolución da conca Miño-Sil, xa que está perdendo reservas a un ritmo de 108 metros por mes. A presa máis grande da Comunidade Autónoma, a de Belesar, conta nestes momentos con 385 hectómetros cúbicos de auga, preto do 60 por cento da súa capacidade, aínda que o dato máis salientable está na perda rexistrada, xa que está sufrindo mermas a un ritmo de 52 hectómetros na semana. A continuación sitúase o salto de As Portas, que conta cunha capacidade total de almacenamento de 536 hectómetros cúbicos e na última semana as existencias situáronse en 301, despois de perder un hectómetro na última semana. Tamén en Ourense,  a presa do Vao, en Ourense, con 119 hectómetros cúbicos almacenados (exactamente a metade da súaa capacidade) dun total de 238 hectómetros posibles. O pontevedrés de Portodemouros, con 180 hectómetros cúbicos de auga dun total de 297 posibles, mentres que o de Santo Estevo, ubicado en Ourense, ten 139 hectómetros almacenados, de 213 posibles.


Algúns, como o de Cachamuíña, que sorte de auga á cidade de Ourense, conta cunha cantidade embalsada meramente anecdótica, pois o servizo de abastecemento realízase dende hai meses dende a estación de bombeo de Reza.

Compartir en Facebook
Valoración
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí