A apertada cea de empresarios galegos no Scala Río

05/02/2018 15:31:24
A apertada cea de empresarios galegos no Scala Río

En novembro de 1991 tivo lugar no Río de Xaneiro o primeiro congreso mundial dos empresarios da emigración, agrupados na Federación Galega de Empresarios do Exterior (Fegaex), que presidía naquel tempo Avelino Fernández Rivera, emigrante ourensán procedente do Ribeiro que chegou a Río a mediados dos anos cincuenta e que logrou conformar un emporio empresarial arredor do sector hostaleiro, aínda que despois fixo incursións noutros ámbitos máis variados.

Rivera tivo como socios na capital carioca a outros coñecidos empresarios galegos xurdidos da emigración que foron introducíndose na xestión empresaria a base de pór pequenas ou medianas participación cos seus aforros en empresas de paisanos, nunha estratexia pouco común aquí, pero que era popular no Brasil e outros países do cono sur americano. Entre eles destacaron, por exemplo, o coruñés Chico (Francisco) Recarey, dono da Scala Río, que se fixo famoso co alcume de “Rei da noite” do Río de Xaneiro, ou o tamén coruñés de Negreira José Orero, que controlaba a cadea hoteleira Windsor.

O máis destacado era o xa mencionado Avelino Fernández Rivera, o único do grupo de triunfadores que emigrou ao Brasil sen ser forzado pola difícil situación económica común a case todos eles, xa que era mestre de profesión. Foi tamén o que amosou maior inquedanza pola unidade do empresariado da emigración e de feito adoitaba dicir que se os empresarios galegos repartidos polo mundo se uniran de xeito efectivo baixo algún tipo de organización, constituirían un lobby máis potente ca o que conforman os xudeus da diáspora.

De acordo con esa filosofía impulsou a creación da Federación Galega de Empresarios do Exterior, que celebrou o seu congreso fundacional no hotel Sheraton do Río, en que se deron cita máis de 2.000 empresarios radicados nos cinco continentes. O evento contou co apoio da Xunta, presidida daquela por Manuel Fraga, que encabezou unha numerosa delegación de autoridades e representantes de moitos sectores empresariais galegos. Todos os medios de comunicación galegos e moitos dos grandes españois desprazaron enviados especiais para dar cobertura á magna reunión.

A nutrida embaixada galega aloxouse no Hotel Merlín Copacabana, propiedade do devandito Fernández Rivera, que se estreaba con tan fausto acontecemento. A axenda non se cinguía ao congreso empresarial, senón que estaba ateigada de actos que se ían sucedendo pola cidade carioca despois dos debates profesionais. Unha delas foi unha recepción co embaixador español no Brasil; outra unha cea agasallo na Scala Río, propiedade de Chico Recarey, que pasaba por ser a máis grande de América do Sur e que honrando as súas dimensións acolleu os máis de dous mil galegos mobilizados por Fegaex, presididos por Fraga.

A dicir verdade, os comensais parecían sardiñas en lata, pois as mesas non daban vagantío para moverse do sitio. O menú tampouco foi nada do outro mundo, e máis ben tiña aspecto cuarteleiro. Despois da sobremesa, houbo comensais que botaban de menos un café, sobre todo tendo en conta que estaban nun dos países cafeteiros por excelencia, pero non, non estaba previsto. Mais un xornalista fixo unha xestión discreta cun camareiro, acompañada, coa mesma discreción, dun billete de cinco dólares, que se traduciu en café para o xestor e máis para os tres acompañantes da súa mesa.

Un integrante do equipo do presidente da Xunta que estaba a carón e viu o café –non como se xestara-  reclamoulle ao camareiro que servira tamén na súa zona, pois o presidente da Galicia gustaba del. A utilización da figura presidencial parecía unha coartada para un antollo persoal, pois Fraga non se amosara para nada interesado. Así o entendeu tamén o destinatario da petición, que respondeu directamente que a dirección non dispuxera que o menú incluíse o servizo de café.

Levántase o funcionario galego e espétalle disimulando pero con cara de malas pulgas. “Entón como é posible que agora mesmo haxa catro persoas tomando café a dous metros de nós?”, “Pois –respondeu o camareiro sen pestanexar- porque os señores teñen problemas de saúde por ter a tensión arterial baixa. Simplemente por iso, señor”. As risas iniciadas polos degustadores de café fóronse estendendo nas mesas da contorna e o reclamante do café pregou velas discretamente cara o seu asento, remoendo o seu fracaso ata que se levantou a mesa

 

Compartir en Facebook
Valoración
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí